Estatutos

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN PROVINCIAL DE COROS E DANZAS EIDOS

 

CAPÍTULO Iº

 

DENOMINACIÓN, FINS, DOMICILIO E ÁMBITO

 

Artigo 1. Coa denominación Asociación Provincial de Coros e Danzas “Eidos”, constitúese unha ASOCIACIÓN ao abeiro da Lei Orgánica 12/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

 

Artigo 2. Esta asociación constitúese por tempo indefinido.

 

Artigo 3. Esta asociación ten como fins: recoller, conservar, divulgar e fomentar a riqueza folclórica de Galicia ao servizo do pobo, así como asesorar e colaborar cos asociados ou con cantos llo solicitaren, nas relacións coas distintas administracións públicas ou privadas.

 

Artigo 4. Para o cumprimento destes fins a asociación organizará as actividades necesarias para a investigación da riqueza folclórica de Galicia; desenvolverá os grupos de actividades que permitan un maior coñecemento, investigación e divulgación do patrimonio cultural galego e acollerá no seu seo os grupos de actividades que o solicitaren e cuxos obxectivos fundamentais coincidan cos propios desta entidade.

 

Artigo 5.  A asociación establece o seu domicilio social na Coruña, r/ Nosa Señora do Rosario 7, soto, DP 15001, e o ámbito territorial no que vai realizar principalmente as súas actividades é a provincia da Coruña.

 

CAPÍTULO II

 

Artigo 6. A asociación será xestionada e representada por unha Xunta Directiva formada por: un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro, un Asesor e, polo menos tres Vogais. Todos os cargos que compoñen a Xunta Directiva será gratuítos, non percibindo remuneración ningunha pola súa función.

Estes cargos serán designados e revogados pola Asamblea Xeral Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de dous anos, podendo ser reelixidos os seus membros ao finalizar o mesmo por un número indeterminado de veces.

 

Artigo 7. Os membros da Xunta Directiva poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito a este órgano, por incumprimento das obrigas que tivesen encomendadas e por expiración de mandato.

 

Artigo 8.Os membros da Xunta Directiva  que tivesen esgotado o prazo para o que foron elixidos, continuarán no exercicio dos seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación dos que os substitúan.

 

Artigo 9. A Xunta Directiva reunirase cantas veces o determine o seu Presidente e/ou a iniciativa ou pedimento de catro dos seus membros. Ficará constituída cando asista a metada máis un dos seus compoñentes e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. No caso de empate, o voto do Presidente será de calidade.

 

Artigo 10. Facultades da Xunta Directiva:

As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a todos os actos propios das finalidades da asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.

 

Son facultades da Xunta Directiva:

 

  1. Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos
  2. Executar os acordos da Asemblea Xeral
  3. Formular e someter á Asemblea Xeral os Balances e Contas anuais.
  4. Resolver sobre a admisión de novos socios, asi como propoñer á Asemblea Xeral a perda da condición de asociado cando concorra algunha das circunstancias contidas nos apartados b) ou c) do Artigo 26 dos presentes Estatutos.
  5. Nomear delegados para algunha determinada actividade da asociación e designar, a proposta dos compoñentes dos grupos de actividades, a persoa que deba encargarse da dirección de cada un deles.
  6. Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral de socios

 

Artigo 11. O Presidente terá as seguintes atribucións:

 

  1. Representar legalmente a asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados.
  2. Convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións dunha e outra.
  3. Ordenar os pagamentos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas e correspondencia.
  4. Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da asociación aconslle ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva

 

Artigo 12: O Vicepresidente terá as seguintes atribucións:

 

  1. Substituír o Presidente en ausencia deste, motivada por enfermidade ou calquera outra causa, coas mesmas atribucións ca el.
  2. Desempeñar as funcións que o Presidente considere oportuno delegar nel para un mellor funcionamento da Asociación

 

Artigo 13. Corresponderá ao Secretario:

 

  1. A dirección dos traballos puramente administrativos da asociación.
  2. Expedir as certificacións.
  3. Levar os libros da asociación legalmente establecidos e o ficheiro de socios.
  4. Custodiar a documentación da entidade.
  5. Cursar as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos inscribíbeis nos rexistros correspondentes.
  6. Presentar as contas anuais.
  7. Cumprir as obrigas documentais nos termos que legalmente corresponderen.

 

Artigo 14. Son funcións do Tesoureiro:

 

  1. Arrecadar e custodiar os fondos da asociación.
  2. Levar en orde os libros de contabilidade da asociación.
  3. Preparar os balances, contas e orzamentos da asociación para a súa presentanción á Asemblea Xeral.
  4. Autorizar e dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente.
  5. Actualizar o inventario de bens da asociación.

 

Artigo 15. Son funcións do Asesor:

 

  1. Asistir con voz e voto ás reunións dos distintos órganos da entidade.
  2. Proporcionar os informes que, sobre temas de interese xeral da asociación ou dos diversos grupos de actividades que a compoñen, lle sexan requiridos pola Xunta Directiva ou pola Asemblea Xeral.
  3. Asistir en todo momento os órganos directivos da asociación, sen que o seu asesoramento ou opinión sexa forzosamente vinculante para eles.

 

Artigo 16. Os Vogais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, así como as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta Directiva lles encomende.

 

Artigo 17. As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas provisoriamente entre ditos membros ata a designación definitiva pola Asemblea Xeral Extraordinaria.

 

CAPÍTULO III

 

ASEMBLEA XERAL

 

Artigo 18. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da asociación e estará integrada por todos os asociados.

 

Artigo 19. As reunións da Asemblea Xeral poderán ser ordinarias e extraordinarias.

A ordinaria celebrarase unha vez ao ano dentro dos catro meses seguintes ao cerramento do exercicio.

As extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellaren, a xuízo do Presidente, cando a Xunta Directiva o acorde ou cando o propoña por escrito unha décima parte dos asociados.

 

Artigo 20. As convocatorias das Asembleas Xerais realizaranse por escrito, mediante anuncio colocado na sede social ou mediante citación persoal, indicando lugar, día e hora da reunión así como a orde do día con expresión concreta dos asuntos que se tratarán.

Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea en primeira convocatoria deberán  mediar, cando menos, quince días, podendo tamén constar, se procedese, a data e hora na que se reunirá a Asemblea en segunda convocatoria, sen que entre unha a outra poida mediar un prazo inferior a unha hora.

En casos de forza maior a xuízo da Xunta Directiva, para a convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria, abondará un prazo de setenta e dúas horas entre a comunicación aos asociados e a realización da mesma, sendo o proceso de convocatoria o mesmo que para circunstancias normais.

 

Artigo 21. As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, ficarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela un terzo dos asociados con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asociados con dereito a voto.

 

Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen os negativos, non sendo computábeis a estes efectos os votos en branco nin as abstencións.

 

Sera necesaria unha maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade destas para:

 

  1. Nomeamento das Xuntas Directivas e administradores.
  2. Acordo para constituír unha Federación de Asociacións ou integrarse nelas
  3. Disposición ou alleamento de bens integrantes do inmobilizado.
  4. Modificación de Estatutos.
  5. Disolución da entidade.

 

Artigo 22. Son facultades da Asemblea Xeral Ordinaria:

 

  1. Aprobar, no seu caso, a xestión da Xunta Directiva.
  2. Examinar e aprobar, se proceder, as Contas e Balances anuais.
  3. Aprobar ou rexeitar as propostas da Xunta Directiva e orde ás actividades da asociación.
  4. Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias.
  5. Acordar a explusión de socios a proposta da Xunta Directiva.
  6. As demais que resultaren dos Estatutos e que non estiveren expresamente atribuídas á Asemblea Xeral Extraordinaria ou á Xunta Directiva.

 

Artigo 23. Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:

 

  1. A elección e nomeamento da Xunta Directiva.
  2. A modificación dos Estatutos da entidade.
  3. A disolución da asociación.
  4. A constitución de Federacións ou a integración nelas.
  5. A aprobación ou modificación do Regulamento de Réxime Interno.
  6. Calquera outra que resultar dos Estatutos e que non estiver expresamente atribuída á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.

 

CAPÍTULO IV

 

SOCIOS

 

Artigo 24. Poderán pertencer á asociación aquelas persoas con capacidade de obrar que tiveren interese no desenvolvemento dos fins da asociación.

 

Artigo 25. Dentro da asociación existirán as seguintes clases de socios:

 

  1. Socios fundadores: Serán aqueles que participen no acto de                constitución da asociación subscribindo a acta fundacional.
  2. Socios de número: Sertán aqueles que ingresaren despois da constitución da asociación
  3. Socios de honra: Serán aqueles que polo seu prestixio ou por teren contribuído de modo relevante á dignificación e desenvolvemento da asociación, se fagan acredores a tal distinción.

O nomeamento de socios de honra corresponde á Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva.

 

Artigo 26. Os socios causarán baixa como tales por algunha das causas seguintes:

 

  1. Por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.
  2. Por incumprimento das obrigas económicas, se deixasen de satisfacer tres cotas periódicas.
  3. Por actuaren publicamente en contra dos intereses da asociación ou por prexudicaren gravemente os intereses desta.

 

Artigo 27. Os socios de número e fundadores terán os seguintes dereitos:

 

  1. Tomaren parte en cantas actividades organice a asociación no cum primento dos seus fins.
  2. Participaren nas asembleas con voz e voto.
  3. Seren electores e elixíbeis para o desempeño de cargos directivos.
  4. Recibiren información sobre os acordos adoptados polos órganos da asociación
  5. Faceren suxestións aos membros da Xunta Directiva e orde ao mellor cumprimento dos fins da asociación.

 

Artigo 28. Os socios fundadores e de número terán as seguintes obrigas:

 

  1. Cumpriren os presentes Estatutos, as normas do Regulamento de Réxime Interno, e os acordos válidos das asembleas e da Xunta Directiva.
  2. Aboaren as cotas que se estableceren para o mantemento económico da asociación.
  3. Asistiren ás asembleas e demais actos para os que se requira a súa presenza.
  4. Desempeñaren, no seu caso, as obrigas inherentes ao cargo que ocuparen nos órganos directivos da asociación.
  5. Observaren unha conduta individual e cívica que non prexudique a asociación nas súas actividas ou na súa imaxe pública.

 

Artigo 29. Os socios de honra terán as mesmas obrigas que os fundadores e de número, a excepción das previstas nos apartados b) e d) do Artigo 28, así como os mesmos dereitos, a excepción dos que figuran nos apartados b) e c) do Artigo 27, podendo asistir ás asembleas sen dereito a voto.

 

CAPÍTULO V

 

PATRIMONIO FUNDACIONAL E RECURSOS ECONÓMICOS

 

Artigo 30. O patrimonio fundacional da asociación é de 600 € (euros).

 

Artigo 31. Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins da asociación serán os seguintes:

 

  1. As cotas de socios, periódicas e extraordinarias. As cotas periódicas deberán ser revisadas cando o estime oportuno a Asemblea Xeral.
  2. As subvencións, achegas voluntarias, legados o herdanzas que puidese recibir de forma legal por parte dos asociados ou de terceiras persoas ou entidades.
  3. Calquera outro recurso lícito.

 

Artigo 32. Considérase patrimonio da asociación todo o material inventariado ao seu nome.

 

Artigo 33. O exercicio asociativo e económico será anual e o seu cerramento terá lugar o 31 de decembro de cada ano. A estes efectos realizarase un balance que se formalizará nunha memoria e será posto a disposición dos asociados durante un prazo non inferior a sete días antes do sinalado para a celebración da Asemblea Xeral, que deberá a aprobalo ou censuralo.

 

Artigo 34. Anualmente elaborarase un orzamento de ingresos e gastos para o exercicio correspondente que deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral.

 

CAPÍTULO VI

 

DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 35. A asociación só se poderá disolver en calquera dos dous seguintes supostos:

 

  1. Por resolución da autoridade competente.
  2. Por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto, por unha maioría de 2/3 dos asociados.

 

Artigo 36. No caso de disolución, actuará como comisión liquidadora a Xunta Directiva en exercicio e 2 asociados elixidos na Asemblea Xeral que procederán ao alleamento dos bens sociais e, co seu produto, extinguiranse as débedas, e se existise sobrante líquido destinarano a fins que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa cedéndoo a fins culturais dentro da provincia, a outras asociacións análogas á constituída ou a unha entidade benéfica.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.

 

D.LOIS BARROS DÍAZ, Secretario da asociación á que se refiren estes Estatutos

 

CERTIFICA que os presentes Estatutos foron modificados para adaptalos ás previsións da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria de asociados de data 29 de abril de 2.003.

 

Na Coruña a dous de marzo de dous mil catro.

 

Por resolución da Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, de 28 de maio de 2004, foi aprobada a modificación de Estatutos quedando inscrita co nº 1977/000423/1 (AC)

 

 

 

 

 

Contacto

Asociación

Coros e Danzas 

Eidos

 

Enderezo:

Maqués de Cerralbo 8

15001 A Coruña

España

 

Tel. 00.34.981.221.169

Fax00.34.981.221.169

asociacion@corose

danzaseidos.com

Versión para imprimir | Mapa del sitio
© ASOCIACIÓN DE COROS E DANZAS EIDOS