A Asociación Provincial de Coros e Danzas EIDOS xorde en 1942 dentro do que eran os "Coros y Danzas de la Sección Femenina".
Somos unha entidade sen ánimo de lucro que, desde a nosa creación, nos dedicamos ao estudo, investigación, conservación e divulgación do folclore galego,
abranguéndo o baile, a música, o canto e a indumentaria tradicional. Froito deste labor, contamos cun importante arquivo documental no que se conserva unha ampla colección de bailes, partituras
musicais e coplas, recollidos polos membros da agrupación ao longo dos anos mediante un destacado traballo de investigación e recuperación do patrimonio popular.
Na nosa actividade distinguimos dous ámbitos complementarios: por unha banda, a asociación como entidade cultural, desde a que impulsamos, organizamos,
coordinamos e promovemos iniciativas relacionadas coa conservación e difusión do patrimonio folclórico; e, por outra, o noso grupo artístico, que constitúe unha das principais expresións e canles de
divulgación deste labor cultural.
Entre as principais iniciativas que impulsamos destaca a organización do Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña (FIF), unha cita cultural anual que
celebramos desde 1987 e na que participamos tamén como grupo anfitrión. A través deste festival achegamos á cidadanía da Coruña as músicas, danzas, traxes e tradicións de diferentes países e culturas
do mundo, creando un espazo de encontro, intercambio e convivencia entre os pobos. Con esta iniciativa contribuímos á divulgación da diversidade cultural e ao enriquecemento da vida cultural da nosa
cidade.
A nosa actividade vai moito máis alá das actuacións e representacións artísticas. Os nosos estatutos recollen obxectivos máis amplos, orientados á conservación,
investigación, recuperación, promoción e divulgación da cultura tradicional, contribuíndo a manter vivo o noso patrimonio e a transmitilo ás novas xeracións.